Co obxectivo de contribuír á divulgación da micoloxía en xeral e, en particular, de familiarizar á poboación escolar co mundo dos cogomelos e cos seus ecosistemas, e de formar no respecto ao patrimonio natural e paisaxístico, a asociación Estrada Micolóxica convoca a terceira edición do Concurso escolar de debuxo micolóxico para o alumnado de 6º curso de primaria dos colexios da Estrada que se rexerá polas seguintes bases:
- Poderán participar todos os alumnos e alumnas de 6º curso de primaria matriculados nos colexios do municipio da Estrada.
- Convócase un único premio para cada colexio participante. O xurado concederao escollendo entre os diferentes traballos presentados por cada centro.
O premio, igual para os diferentes centros, consistirá nun pequeno lote con material axeitado ás saídas de campo dun afeccionado á micoloxía.
- Entre os premiados de cada colexio escollerase un gañador final cuxo premio consistirá en reproducir o seu debuxo como motivo do cartel das xornadas micolóxicas do ano 2014.
- No marco da convocatoria “III concurso escolar de debuxo micolóxico” o motivo, a técnica compositiva e o formato serán libres, fixándose como formato máximo o DIN A3.
- Os traballos serán recollidos por un profesor do centro nun sobre co nome do mesmo. O profesor encargarase de numeralos elaborando unha relación cos nomes dos autores correspondentes que gardará ata que o xurado lle comunique o fallo do seu centro, momento no que identificará o premiado.
- O prazo de entrega do sobre de cada centro a Estrada Micolóxica rematará o venres 8 de Novembro.
- O xurado estará compostos por 4 representantes de Estrada Micolóxica e por un pintor local recoñecido.
- Os traballos presentados poderán publicarse, individual ou colectivamente, na web https://estradamicoloxica.wordpress.com e publicacións que realice a Estrada Micolóxica.
A resolución do concurso farase durante a clausura das actividades de outono da Estrada Micolóxica.